Publicidad:
Terra
La Coctelera

Anton pulido trae kermesses compostela xos mar a

 

ANTÓN PULIDO TRAE KERMESSES A COMPOSTELA

XOSÉ MARÍA PALMEIRO

Cúmprese un mes do nomeamento de Antón Pulido como Fillo Predilecto de Amoeiro (Ourense) e o pintor, o artista capaz de ser profeta na súa terra natal e nutricia, ten a ben agasallarnos con algunhas das súas Kermesses.

Cores fortes, ritmo vivace, expresións rotundas, trazos envolventes, cromáticas caricias no espazo da compostelá Galería Metro, no número 24 da Rúa Nova, para goce dos sentidos e descubrimento de novos xeitos de ver e de nos ver.

Revivo palabras, vividuras, cantigas e emocións compartidas co artista, tamén naquel tan próximo 18 de outubro, con el e cos seus, con tantos amigos nos chaos de Amoeiro, e lembro unha visita ao seu obradoiro da viguesa rúa Álvaro Cunqueiro. Na tranquilidade cómplice da noite parolamos, rodeados de figuras e figuracións que interpelan amable, rotundamente. Trazos fortes que retratan soidades, esperanzas, traballos e días. Figuras arredor dunha fogata, do lume que procura calor, espanta as tebras e transforma os rostros coa maxia da luz que o pintor modula e reinventa.

Algo disto dixen publicamente naquela data de recoñecemento e homenaxe ao artista de Bóveda de Amoeiro, dono de moitos saberes e habilidades, humanista, docente, intelixente e sensible, racional e dionisíaco, gozador da vida e da amizade, dun vaso de bo viño e dunha cantiga, unha confidencia e un sorriso. Dixen que o seu obradoiro está ateigado de tesouros, de obras maiores e outras tamén merecentes de atención. Hai moitos territorios que esperan outras miradas no espazo onde interpela o mundo con mensaxes en forma de cadros, agora polos rueiros da abstracción, que van tomando corpo nas horas calmas da noite e da madrugada.

Peregrino polos roteiros da luz e da cor, primeiro impulsor do Centro Galego de Arte Contemporánea, este pintor de Amoeiro, radicado en Vigo, andivo por Taiwán e por Beijing, percorreu París e irá a Miami. Pero antes compartirá Kermesses na Compostela amada por Otero Pedrayo, un dos seus padriños nos comezos. Aquí terá tamén privilexiada compaña na persoa de Isaac Díaz Pardo, artista relevante e referente e modelador indiscutible da Galicia contemporánea.

Ten dito o pintor que kermessear é gozar de todo o bo que a vida ofrece. Sexan benvidas as súas propostas en tempos de revisionismos miserables da historia recente e de ofensas aos seres derrotados, masacrados e aínda apenas nomeados. Un supoñer, Camilo Díaz Baliño, artista, galeguista, republicano, paseado, pai de Isaac, exemplar cultivador este da memoria necesaria, da reivindicación imprescindible. Tamén da memoria visual e colorista que agora se enriquece en Compostela  coas vibrantes e alegres Kermesses de Antón Pulido.

 

CRÓNICA DE URXENCIA DO ACTO DE TRASALBA CON ANTÓN PULIDO (Afonso Monxardín)

 

Onte celebrouse no salón de actos da Fundación Otero Pedrayo en Trasalba o acto formal polo que o pintor Antón Pulido pasou a ser fillo predilecto do Concello de Amoeiro. Sen dúbida un dos actos máis fermosos e redondos que se ten celebrado na casa de Otero Pedrayo. 

Moita representación de compañeiros, excompañeiros e amigos vidos de toda Galicia– José María Fonseca, Bieito Ledo, Modesto Hermida, Xesús Ferro Ruibal, Alfredo Conde, Victor Vázquez Portomeñe, o compañeiro Soto, Antonio Rodriguez, Ramón Castromil... moitos veciños de Bóveda e Amoeiro, algunhas autoridades variadas como Ana Garrido, algunha ausencia como a do Delegado de Cultura, representado polo secretario da Delegación, etc. moita música a cargo de Caramuxo, excelente cuarteto de seis –como se fartou de dicir, simpatiquísimo, o mantedor Xesús Ferro-, moito sorriso tornado incluso ocasionalmente en risa coa intervención do galardoado. 
Pero vaiamos por partes. O auditorio cheo a rebentar. Máis xente que nos premios Trasalba de xuño. Na mesa, presidindo o Alcalde de Amoeiro, Rafael Rodriguez Villarino. Parece boa xente. (Coa broma do de “cacadelavaca” situou a Amoeiro no mapa e sacou uns cartiños para o equipo de futbol e sentado na primeira fila estaba o ex-alcalde de Amoeiro, todo un detalle). O mantedor, eficacísimo Xesús Ferro. Dá e reparte palabras e vai intercalando naturalmente a música entre elas, e logo entre as numerosas adhesións –da Academia, de Ferrín, de Freixanes, da Universidade, do CGAC...-que comentou que tiñan case todas en común a felicitación primeiro ao Concello de Amoeiro, por escoller ben, e polo acerto de facer a homenaxe en vida do homenaxeado- e anécdotas do éxito de Antón –como que ten exposición aberta hoxe na China-,etc.
 Comeza o alcalde facendo un repaso fermoso e medido pola historia e xeografía do concello. 
O segundo, Bieto Ledo, como amigo e compañeiro de seminario, fai unha laudatio fermosísima, repaso de vida e obra dun neno traste, fillo do mestre de Bóveda, ao que para “domalo” por consello do crego, meten no seminario onde coincide con Bieito Ledo, con Antonio Rodríguez, e con outros moitos. «Antón ten porte de emperador romano con faciana anxelical, parécese ó profeta Daniel do Pórtico da Gloria». Bieito Ledo debe publicar esa laudatio, ben podia enviala a este blog. 
A continuación a concelleira de Cultura de Amoeiro, le a acta de concesión da dignidade. Logo o galardonado fai un discurso lírico e simpático contando a súa relación con Otero... o día que foron ver a paisaxe desde o penedo que hai ao pé da Igrexa de Bóveda e como lle ensinou co caxato os sete arciprestados que se vían... 
Pulido evocou as noites pechas, as lúas negras, o aire que batía co medo na cara, os contos populares, os produtos da terra, a familia –á que lle agradeceu todo o que lle tiveron e teñén que aguartar- ... 
Dicía que o acusaban de presumir de Amoeiro, pero iso era cousa ben fácil. Os mellores pazos, os máis fermosos carballos... Contou do novo netiño que lle acaba de dar a súa filla máis nova hai uns días... 
En fin, o alcalde puido quedar encantado. Acto entrañable, fermoso e nada coñazo. 
Logo a maioría dos presentes foron comer a un deses pazos, o de San Damián, a tres ou catro quilómetros do de Otero. 
Sen dúbida un dos lugares máis fermosos de Galicia. Recomendable facer unha excursión a estas terras. Sempre.

 

 

FILLO PREDILECTO DE AMOEIRO

Alfredo Conde

       

A Antón Pulido, sendo neno, metérono no seminario diocesán de monseñor Temiño "non pra que fose cura, senón pra que fose domado". Notáselle algo, o seu paso polo seminario, pero non moito. Acotío, a súa pintura é afoutada, elaborada a impulsos non sei se da mente ou se da man, ou se de mente e da man debidamente conxuntadas. Está, a súa pintura, chea de abismos e camiños, de escorzos que se dirían imposibles, mesmo tamén de soedades que todos coñecemos pois adoito as levamos dentro. A pintura de Pulido é coma el mesmo. En ocasións soségase e daquela fai retratos que son como a tona dun illó, sereno, do que tan só cabe averiguar a súa fondura poisque xa sabemos que iso é o que a súa aparente serenidade anuncia: unha fondura inorme.

A pintura de Pulido, unha e outra, a afoutada e maila serena, recorda todo o contrario dos regueiros de montaña. Voltaire afirmaba deles que eran transparentes porque eran pouco fondos e optaba polos rios maiores, escuros por profundos e caudais. A pintura de Pulido vai por aí, coma se fose o Pai Miño observado, como o observou Otero Pedrayo, dende os Chans de Amoeiro, logo de debruzar a ollada sobre el como se se fixera enriba dese abismo interior que todos transportamos. Sereno e caudal, lento e profundo, pero fervendo nos caneiros pra deixar que a auga estreleza tal que prata baixo o sol primordial da primavera

Hai uns días, fixeron a Pulido fillo predilecto do seu pobo de Amoeiro, o dos chans cheos de carballeiras e soutos de castiñeiros, e todos fumos alá por ver de celebralo. Celebrámolo. Pero non sei se realmente vimos o éxito da doma que se pretendeu hai cousa de medio século. Domar domáronlle a voz, pero só se lle nota cando canta. Sospeito que o resto segue case intacto. Por iso a súa pintura é coma é, o seu trato é o que sempre foi, a súa cordialidade segue sendo a mesma, inalterables dende hai xa tanto tempo que empeza a producir tranquilidade.

Quizáis todo iso, a súa bonhomía e o seu sentido da liberdade; a súa concepción da amistade e mailo inconformismo; a mestría que disfruta no seu arte e a lealdade pra cos seus e coa súa Terra, determinasen o outorgamento da condición que a partires de hoxe ostenta xa prós séculos dos séculos: a de fillo predilecto do seu pobo, a maior e máis querida distinción á que pode aspirar un ser humano: a de ben nacido entres os ben nacidos. Iso foi o que a todos cantos alí estabamos nos gorentou tanto, que lle dixeran ben nacido as xentes que dende sempre o acampañan na vida e que, chegado o día, lle han facer máis levadeira a terra.

ac@alfredoconde.com



 

LIBRO HOMENAXE A MARCOS VALCÁRCEL

Un grupo de amigos do profesor e escritor ourensán, Marcos Valcárcel están a preparar un libro colectivo para homenaxealo.

Os interesados en participar poden contactar coa organización por correo electrónico: librohomenaxemarcos@gmail.com

ou por correo postal: Homenaxe a Marcos. Casa da Xuventude, rúa Celso Emilio Ferreiro nº 27, 32004 Ourense.

D. RAMÓN PIÑEIRO, óleo, Consello da Cultura Galega.

Camiño azul, 60 x 60 cm., técnica mixta.

Bo Nadal e Feliz AniNovo.

 

 

Retrato de Marcos Valcárcel, 2008. Pastel, 60 x 60 cm.


Andoliña para Marcos Valcárcel

Xosé María Palmeiro


Para expresar público recoñecemento a unha figura imprescindible da cultura galega deste tempo, para reforzar agarimosa e solidariamente a amizade que lle profesamos e o aprezo que lle temos, viaxamos o sábado a Ourense na procura da compaña de Marcos Valcárcel. Na tardiña de chuvias e neve todos os camiños levaban á vella Auria, ao Liceo e ao restaurante San Miguel. Tratábase de compartir a palabra e o pan co autor da Historia de Ourense, acabada de saír do prelo de Xerais.

A comisión organizadora -César Ansias, Xoán Fonseca, Benito Losada, José Carlos Martínez Pedrayo, Eustaquio Puga, Xosé Ramón Quintana, Xosé Trebolle e Alfonso Vázquez-Monxardín- entendeu necesarioconvocarnos para ir de cea con Marcos. Entendeu ben porque eramos moitos -mais de trescentos- os que precisabamos dun novo encontro co inventor do blog As uvas na solaina, co historiador, catedrático, cronista, columnista e dinamizador cultural en e desde Ourense. Primeiro, na presentación dunha síntese da historia da cidade, un libro sinxelo, humilde e divulgativo, en palabras do autor. Logo, compartindo o pan na morna e gratificante compaña da amizade.

Nesoutro recuncho para a reflexión, o lecer e o pensamento ao abeiro da mirada cálida e acolledora de Marcos.

Fixeran fincapé os amigos da comisión organizadora nos traballos de investigación e divulgación sobre a historia de Galicia realizados por Marcos, ademais do seu labor periodístico -ben coñecido polos lectores de Galicia Hoxe- e de dinamización cultural na cidade de Ourense, sempre desde posicións galeguistas, progresistas e dialogantes. Esas dimensións dun labor intelectual lúcido, combativo e xeneroso, intelixente e coherente, exemplar en calquera caso, foron glosadas por Vázquez-Monxardín, Manuel Bragado, Bieito Iglesias, Suso de Toro, Cristina Berg, Manuel Rivas, Xesús Alonso Montero, Xosé Luís Axeitos e Ramón Villares. A noite discorreu levada polas emocións da palabra e da fermosa sorpresa musical do cuarteto Os Caramuxos. Tamén polos agasallos de artistas como Buciños, Siro, O Carrabouxo e Antón Pulido, autor dun espléndido retrato do homenaxeado.

Marcos, emoción contida, elegancia proverbial, falou para agradecer o amical encontro, as presenzas e as adhesións, para reafirmarse en traballos, vocacións e compromisos e converter as referencias persoais en homenaxe a mestres, compañeiros e amigos. Lembrei entón os versos de Curros:

"Non pido bravos nin palmas,

nin coroas esta noite;

pido a todo o que me escoite

a unión, que é a vida das almas;

a unión, que do éter nas calmas

buscan a brisa i a fror;

a unión, que a todo delor

consolo encontra no mundo;

a unión que é xermen fecundo

de ben, de forza e de amor".


 

Fiestra, óleo, 100 x 100 cm.